"A Chocolateira", sen ferruxes.

Dicía José Saramago que “somos a memoria que temos e a responsabilidade que asumimos. Sen memoria non existimos e sen responsabilidade se cadra non mereciamos existir”.
Vendo o documental “A Chocolateira” podemos darnos conta de ata onde asumimos a nosa responsabilidade de que a memoria común non sexa manipulada, terxiversada ou contaminada. Non entro no da intención porque é algo totalmente subxectivo do autor e pretendo ser obxectivo na exposición de feitos para poder exercer unha crítica construtiva.
Recoñezo o mérito, a calidade e tamén a necesidade dun documental coma este. Vai ser unha óptima canle de transmisión da memoria, e polo tanto á par que me apetece aplaudilo tampouco podo obviar aquelo que o mingua e que seguramente o autor descoñecía previamente. En fin, ferruxes e excrecencias perfectamente evitables que maculan sen necesidade.
Houbo unha frase “santo e sinal” dos veciños da Pontenova no inicio da década dos oitenta que encheu as paredes e as pancartas sementando ventos dun cambio político que se produciu no Concello no ano 1983. Aquel pretendido cambio viña trucado e finalmente non foi máis que un espellismo; en fin cousas da historia que teiman en repetirse. Esa frase, “Nene e Betecá roubáronnos o lado dalá”, é o sinxelo resumo dun anaco da historia do noso concello que polo visto esmoreceu na nosa memoria ata o total esquecemento.
É evidente que, como indica a frase de Saramago que citei ó principio, para merecer existir como concello e como sociedade con dignidade, temos que asumir a responsabilidade de recuperar a nosa memoria de verdade e non deixar fluír a que manipularon e manipulan ca compracencia e complicidade dos poderes políticos da época, sexan éstes os do troco, os do re-troco, os do truco ou o retruco.
Cando estaba desfrutando do documental “A Chocolateira”, celebrando a iniciativa e tamén que un documento deste tipo poida ser o que nestes tempos do audiovisual e do dixital transcenda ás xeracións que aínda non coñecen a nosa historia recente.....Pero ¿Como pode aparecer o tal “Betecá” nun documental sobre a historia do ferrocarril e a mina de Vilaoudriz?.
Poderían encherse varios folios de cualificativos sobre feitos que vou tratar de enumerar e os persoeiros que os protagonizaron e os protagonizan, pero seguramente sería gratuíto descualificalos xa que para eso sóbranse e bástanse sós uns e outros no seu propio retrato e nas súas “homilías ocas” e estúpidas cas que pretenden infestar  este anaco da nosa historia.
A historia non pertence ao autor senón aos nosos veciños. Coa boa intención do autor do documental, da que por suposto ninguén dubida, non é suficiente para evitar unha faciana falsaria que provoca esa “achega”. Non hai que esquecer que neste documental hai invertido diñeiro de todos, polo que o rigor ten que ser algo imprescindíbel e irrenunciábel.
A Pontenova perdeu no inicio dos anos oitenta uns terreos que deberían ser públicos por un prezo razoable e que despois o Concello tivo que pagar por eles un prezo incalificable. Non valían nada para ninguén pero entón adquiriron un valor incrible, o valor que adquiren as cousas cando se perden. Seguramente será útil lembrar un dito portugués que escoitei fai pouco: “Nao temos que perder para dar valor, temos que dar valor para nao perder”.
Pero, en fin, imos aos feitos sen pretender cualificalos e que cadaquén os cualifique ou descualifique segundo a súa visión persoal:
  • Antonio Rodríguez Trevín e Fernando Rego García concelleiros de Coalición Democrática no inicio dos anos oitenta foron comisionados, tácita ou explicitamente o mesmo me da, para comprar para o Concello que representaban os terreos que, sendo propiedade da Sociedad Minera de Villaodrid, S.A., eran ocupados en precario polo Concello da Pontenova para uso e desfrute dos veciños.
  • O precario que se indica incluía Os Fornos, a actual Praza dos Fornos, o Parque Infantil e o Campo da Mina con todo o nel construído, entre outras propiedades.
  • O Alcalde e o resto dos concelleiros de Coalición Democrática e Unión de Centro Democrático que formaban a corporación municipal pelexaron sen éxito por facer entrar en razón aos concelleiros corruptos. Neste proceso producíronse situacións que se non fose pola súa gravidade, ben poderían ser o guión dunha comedia de enredo. Basta ler as actas de plenos dos anos 1980 e 1981 que para ser analizadas polo miúdo necesitariamos un capítulo aparte. Mágoa que teñan morto moitos daqueles protagonistas que podían contarnos o que non aparece nas actas.
  • O sábado 7 de febreiro de 1981 houbo na Pontenova unha manifestación multitudinaria para reclamar a recuperación dos terreos que os dous concelleiros viñan de “xestionarse” para eles mesmos.
  • O mércores 11 de febreiro de 1981 o periódico ABC, ademais de avisar da posibilidade de “estampidos sónicos”, publicaba unha nova dunha información da Xunta Directiva de Alianza Popular na que se dicía que “acordó expulsar del partido y de Coalición Democrática a sus concejales en el Ayuntamiento de Puentenuevo (Lugo), Fernando Rego García y Antonio Rodríguez Trevín por conducta incompatible con los postulados del partido”. A contestación dos Concelleiros expulsados foi que “de todos modos no nos pueden hacer nada”.
  • A evidencia de que nada lles puideron facer é que o 16 de xuño de 1981 nunha notaría de Bilbao, en documento público, os dous concelleiros escrituraron por 1.000.000 de pesetas, para as súas sociedades de gananciais máis de 75.000 m2 das “fincas 61, 61a e 61b do polígono 25 del ayuntamiento de Puentenuevo”.
  • O 15 de outubro de 1984 (máis de 4 anos despois) o BOE publica a resolución do Concello da Pontenova pola que se sinala a data de levantamento de actas previas á ocupación das fincas que se citan, e entre elas unha finca de 15.045,25 m2 propiedade de Fernando Rego García e Antonio Rodríguez Trevín e tres construcións deles mesmos que se describen como "Hornos, Muros y Vestuarios".
Se cadra estes feitos lamentables deberían ser suficientes para que sexan retiradas do documental as "declaracións" dun deses concelleiros que ademais de non achegar nada fan agromar o noxo dos que loitaron sen éxito porque feitos rexeitables coma estes teñan o castigo que lles corresponde.
Rechíame que apareza en “A Chocolateira” un ex concelleiro corrupto falando sen aportar nada aproveitábel e creando máis confusión sobre unha etapa da nosa historia seguramente ocultada con toda a intención e compracencia de quen debería, por obriga moral, política e ben seguro que tamén legal, tratar de aclarala.
Parece un insulto poñer no mesmo nivel as achegas deste ex concelleiro cas de Ventura do Pico, Carlos de Miguel, Villadonga, Angel Prieto Souto, Marcelino do Randeo e todolos outros intervintes.
Non pretendo facer un chamamento á retirada da “achega” no documental, só chamo á cordura e a memoria. Se cadra aínda que teñan pasado 30 anos convén lembrar este episodio para estar en garda para que outros non teñan a mesma tentación de aproveitar unha posición similar para repetir a historia.
A miña valoración de “A Chocolateira”, e con total seguridade a de moitos cidadáns da Pontenova, sería moito máis alta si non nos obrigan a lembrar este episodio infame da nosa historia recente, oculta ou se cadra ocultada.



Os meus parabéns condicionados ao autor e aos promotores do proxecto.

Comentarios

Anónimo dixo…
http://elpais.com/diario/1981/01/13/espana/348188422_850215.html

Non só no ABC, tamén en El Pais

Publicacións populares deste blog

VOTAR COMO ANIMAIS

INDEFINICIÓN E DESLEIXO NA FORMA DE FACER POLÍTICA

O que a "verdade" esconde